Imprimir 

[En castellano]

Manifestámonos este 25 de Julio, día da patria galega, tras algo máis dun ano da pandemia covid19, a cal veu profundar aínda máis a última crise capitalista. Desde a clase obreira galega, e estatal, asistimos a un brutal golpe contra os nosos dereitos laborais e públicos máis básicos. A propagación do virus puxo en evidencia os límites do Réxime do 78 e o seu "Estado de Benestar", incapaz de dar solucións á maioría traballadora cando máis as necesita.

No económico o desemprego esténdese indiscriminadamente debido ás políticas de desindustrialización dos gobernos tanto da Xunta como do Parlamento Español, á vez que os salarios se volven cada vez máis reducidos. Ademais, por se isto fose pouco, as escasas e momentáneas axudas que promove "o goberno máis progresista da democracia" non chegan ou son insuficientes. A sangría contra empresas como Navantia, Vulcano, Siemens Gamesa, R ou Megasa supoñen un duro golpe para miles de galegos e galegas. Esta situación ten a súa orixe na cada vez máis clara relación de dependencia da actual clase política galega e as súas institucións con respecto ao imperialismo europeo, cuxas normas son impostas para o beneficio exclusivo dunha elite parasitaria que vive grazas ao noso esforzo e só quere en manter os seus privilexios.

En canto ao social, a sanidade e a educación pública están a sufrir indiscriminados recortes, así como atopámonos cunha lei de administración local que mingua a atención directa para a cidadanía galega. As longas listas nos hospitais públicos, a educación exercida baixo mecanismos telemáticos ou a insuficiencia de medios e de persoal responden a unha estratexia de espolio por parte dos monopolios que operan nos sectores mencionados anteriormente. Doutra banda, e a maiores, segue adiante a situación de violencia de xénero, que a quen máis prexudica é á muller proletaria, xa que sofre nas súas carnes unha maior violencia económica; por exemplo as pensións das mulleres galegas son das máis baixas dentro do Estado Español.

No que incumbe á cuestión nacional, cada día vanse perdendo máis galegofalantes e hai unha desertización evidente do ámbito rural, grazas sen ningunha dúbida ao imposto modelo centralizador e ao abandono e espolio do goberno do PPdG. Así mesmo, o noso patrimonio natural vese ameazado pola sobre implantación do modelo eólico, cuxas deficiencias ambientais, sociais e paisaxísticas crecen á vez que os beneficios das macro empresas que o xestionan.

A folla do capitalismo español para o noso país é a anulación de calquera dereito conquistado das clases operarias e populares, e para iso recorrerá se fai falta a unha aposta clara polo fascismo e a reacción. Pero non é algo novo, a ditadura franquista impuxo á Monarquía Borbónica para perpetuar a súa dominación oligárquica. O avance de Vox, a cara política máis agresiva do actual marco político estatal, débese en parte debido ao hartazgo dunha parte da maioría social cara aos enganos constantes da esquerda cidadanista, máis interesada en ocupar escanos que en tentar blindar o ben común.

Mais fronte a esta situación, urxe dar unha resposta unitaria desde posicións revolucionarias e rupturistas. A experiencia da manifestación conxunta contra o fascismo e o capital deste 25 de Xullo, onde o Comité Gallego do PCE (m- l) e a Asemblea Republicana Galega fomos determinantes grazas ao noso compromiso e disciplina, vai abrir unha brecha nesta data tan sinalada, historicamente ocupada por posicións da pequena burguesía nacionalista, sinalando que o prioritario e o fundamental é a idea de que non hai saída posible para as masas operarias sen crear as condicións obxectivas para unha fronte común capaz de facer posible a ruptura democrática e a instauración da República Popular e Federativa como un proceso ininterrompido cara ao Socialismo, garantido así o lexítimo dereito de autodeterminación dos pobos.

En consecuencia, chamamos a construír un bloque vermello e republicano para esta xornada, participando masivamente na mesma e elevando a necesaria presenza das e os comunistas, así como das forzas republicanas, para por unha banda, facer que a voz da esquerda consecuente coas tarefas do momento sexa escoitada cada vez con máis rotundidade, e doutra banda para dirixir os procesos democráticos cara a maiores cotas de combatividade contra o sistema expresada esta en unha alternativa antiimperialista, antioligárquica e antifascista.

POR UN 25 DE XULLO COMBATIVO!

POR UNHA GALICIA REPUBLICANA, DEMOCRÁTICA E POPULAR!!

POR UN MAÑÁ SOCIALISTA!!!