Imprimir 

A loita é contra o capital, mais tamén contra o seu réxime!!

O sector do metal, do mesmo xeito que o resto de sectores estratéxicos da industria galega, está nunha situación de total incerteza, ata tal punto que os estaleiros como Vulcano e Barreras en Vigo están paralizados. Deste desolador panorama son culpables tanto os Gobernos da Xunta coma o Estatal, quen non revitalizaron fábricas nin aseguraron cargas de traballo, se non que simplemente executaron os plans da burguesía, máis interesada en asegurarse a súa taxa de ganancia que o benestar da maioría traballadora. Un exemplo do antes exposto é o preacordo para o Convenio do metal de Pontevedra pactado entre as direccións sindicais de CCOO e UXT e a patronal, o cal promove a eventualidade e foi subscrito ás costas dos mesmos. Ademais, esta conciliación dos dirixentes dos sindicatos maioritarios en Galicia coa estrutura da patronal, supuxo o cesamento inmediato da Folga Xeral convocada na cidade olívica. Todo iso foi posible tamén grazas á indiferenza do executivo da CIG, quen sempre en momentos de alta conflitividade asumen unha actitude pasotista.

Esta situación de quemazón por parte das e dos operarios da industria metalúrxica estala o pasado Primeiro de Maio en Vigo, organizando un bloque crítico contra esta manobra das burocracias sindicais, que unha vez máis deixa en cueiros á nosa industria. Ademais, o pasado 12 de Maio, a Plataforma de Traballadores/as do Metal, expresión organizada e asemblearia da frustración e da rabia fronte a este tipo de situación, as cales lamentablemente se repiten con cada vez máis afán, fixeron un paro de 4 horas ao que ao final a CIG tivo que sumarse. É máis, moitos delegados de CCOO, UXT e a CIG, segundo afirman membros desta Plataforma, "senten interesados polas súas propostas e apoiaron a multitudinaria manifestación do pasado 3 de Xuño".

A clase obreira, con este tipo de iniciativas, segue demostrando que a pesar da situación da Covid-19, non vai soportar as consecuencias da crise capitalista iniciada no 2008 e que aínda seguimos padecendo. O proletariado consciente, principal motor da loita social en todo o mundo, sabe que fronte aos recortes salariais debe de crear mecanismos democráticos desde a base para orquestrar unha unidade de clase que poida facer fronte ás políticas antiobreras que o sistema económico capitalista imponnos. Esta proposta, para nós, debe de aglutinar ao redor dela as loitas de todos os sectores sociais como son as loitas dos pensionistas, dos sanitarios, dos estudantes, creando así as condicións para unha fronte unida, cun claro carácter de transformación da sociedade, contra a oligarquía.

Por todo iso, desde o Comité Galego do PCE (m-l), queremos en primeiro lugar solidarizarnos coas reivindicacións da Plataforma de Traballadores/as do Metal, sabendo que a súa loita é a nosa loita; e doutra banda chamamos a derrotar as "leis" do libre mercantilismo e instaurar o Socialismo / Comunismo como o mellor dos mundos posibles, obxectivo que en Galicia e no resto do Estado Español pasa pola República Popular e Federativa, como marco que permitirá agudizar as contradicións sistémicas e elevar o nivel de conciencia da clase obreira.

QUE VIVA A LOITA DAS E OS TRABALLADORES DO METAL!

ABAIXO O AMARELISMO SINDICAL!!

CONTRA O CAPITAL, ORGANIZACIÓN OBREIRA E UNIDADE!!